O TSXG confirma que a maquinaria imprescindible para a actividade licenciada integra a base impoñible do ICIO
A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 218/2025, do 26 de maio (rec. 4377/2024, ECLI:ES:TSJGAL:2025:4243), desestima o recurso de apelación dunha empresa fronte á sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo n.º 4 da Coruña que confirmara unha liquidación do ICIO practicada polo Concello de Cerceda.
O concello concedera licenza para a ampliación dun conxunto industrial co fin de habilitar a maquinaria e os equipos necesarios para a gasificación de fariñas cárnicas de categoría 1 e o seu aproveitamento como combustible. Tras un procedemento de inspección iniciado en xaneiro de 2022, a liquidación incrementou a base impoñible declarada no importe da maquinaria, cun aumento da cota de 50.381,30 euros.
A apelante sostiña que ese custo debía quedar fóra da base impoñible porque os equipos do módulo de gasificación poden substituírse ou mesmo retirarse, e a nave podería acoller outra maquinaria.
A Sala lembra o artigo 102.1 do TRLHL e a doutrina do Tribunal Supremo (sentenzas do 14 de maio de 2010, rec. 22/2009, e do 15 de febreiro de 2013, rec. 3934/2011) e conclúe que a base impoñible non se limita á obra civil, que tamén integra equipos e maquinaria, pero só os necesarios para o fin ao que se destina a obra. O decisivo non é a posibilidade de separar fisicamente o elemento, senón o seu carácter prescindible ou imprescindible para a actividade definida no proxecto licenciado.
No caso, os equipos condicionaban a propia obra civil: a memoria do proxecto xustificaba superar a altura máxima de 12 metros pola necesidade de dispoñer dunha altura libre de polo menos 14,25 metros para a súa instalación e mantemento. A sentenza confirma a inclusión da maquinaria na base impoñible e imponlle as custas á apelante co límite de 1.000 euros.
Para a xestión e a inspección do ICIO en instalacións industriais, a sentenza sitúa a análise no proxecto para o que se solicitou a licenza e na vinculación entre obra e actividade: que os equipos se poidan desmontar ou substituír non abonda para excluír o seu custo.
Documento:
stsj-gal-4243-2025.pdf
(148kb)